“A nosa aparición acabou por estragar as quinielas que había xa feitas”
Como foi a acollida por parte da cidadanía despois da súa presentación como candidato de Unidas Podemos hai uns días?
Con moita ilusión. Nestes días recibimos unha chea de reaccións positivas e esperanzadoras no medio dun panorama que moitísima xente xulga como plano, morno e adormecido.
Isto vai vencellado precisamente a un acto de xenerosidade e valentía moi inusual por parte de dúas forzas políticas, Esquerda Unida e Podemos: a elección dun candidato independente, que xurde da vontade de superar dinámicas só de partido e aparece ademais proposto por voces plurais da cidade.
Que lle diría a unha persoa que votou a Marea Atlántica nas últimas eleccións? Como se pode explicar as dúas candidaturas e o seu liderado dunha lista á marxe da formación?
Nos últimos catro anos a gobernanza da cidade foi feble, deficitaria, sen un proxecto claro e o dubidoso engadido dun clima interno irrespirable no propio goberno. Por desgraza, malia as súas intencións, a oposición tampouco conseguiu impoñer unha liña de sensatez política.
Nós ofrecemos un proxecto progresista, propositivo, construtivo, responsable, de refundación ética, ampliado polas sucesivas escoitas e coñecemento da cidade.
As dúas candidaturas son o resultado dunha cronoloxía precisa e constatada.
EU e Podemos contactan en setembro de 2022 coa outra forza política, Marea Atlántica, co obxectivo xustamente de soster unha canle de diálogo coa unidade, un proxecto común e unha candidatura de consenso como leit motif.
A xuntanza nunca chega a producirse. Un grupo cidadán promove un manifesto e se xunta cos tres partidos durante este ano 2023. As respostas veñen a ser idénticas.
Chegados a este punto, logo dunha espera tan prolongada e ineficaz, un proxecto como este debe avanzar. Son moitas as persoas que consideran que é necesario este espazo e o seu mantemento con fortaleza na cidade. E hai procesos ilusionantes en paralelo a escala estatal. Por iso digo sen miramentos que isto é un revulsivo de feito ante a mediocridade e o enquistamento desta etapa política na cidade.
Aínda sí, para mín o resultado é que as portas do entendemento sempre están abertas. E sempre vou defender e practicar o respecto ás forzas irmás e a idea de unidade, deixando moi claro que a xenerosidade, expresada con lucidez, altura de miras e capacidade de análise, debe rebasar toda diferencia pasada.
O seu un proxecto que vén a cubrir un oco no panorama electoral coruñés? Quen será, a priori, o votante tipo?
Desde logo, somos unha forza progresista con capacidade e experiencia que nace para gobernar nunha cidade na que a perda de dinamismo e as políticas superficiais marcan estes últimos anos, coa conseguinte preocupación masiva do electorado.
As persoas votantes da nosa candidatura son aquelas que esixen unha cidade relevante e con políticas que melloren a vida da xente por enriba doutras consideracións.
Persoas que procuran o que encarnamos, desde o rigor e a capacidade de diálogo ate a honestidade ou a fiabilidade. Xentes que ven como decidimos sumar lonxe de populismos pouco prácticos, paixóns tristes e complicidades froito do cálculo electoral.
Como valora os catro anos de goberno local do PSOE?
Estes catro anos de goberno, na liña apuntada, son unha etapa de curto recorrido, un periodo decepcionante para o propio modelo socialista de cidade. Falamos dun tempo marcado pola ausencia de firmeza tanto coas necesidades como na decisión arredor das grandes cuestións que afectan á cidade. A estas alturas algunhas delas, do Porto e a vivenda ao CHUAC, teñen máis rasgos de folletín que de ensaio apegado á realidade.
Como será a elaboración da candidatura? Que tipo de perfís irán con vostede na lista?
A elaboración da candidatura ten dúas partes que se interrelacionan. Unha primeira loxicamente responde as candidatas xurdidas dos procesos de eleccións primarias habidos en EU e Podemos. A segunda, en marcha, respaldada por todo un proceso de escoita e o coñecemento mesmo da cidade, aglutinará persoas procedentes da sociedade civil, profesionais e figuras que fortalecerán a candidatura.
Cal son as tres ideas claves e concretas do seu proxecto?
Falamos du proxecto progresista e solvente –e xa din tres ideas inexistentes hoxe en María Pita- que pode expresarse con moitísimas palabras:
Autenticidade, valentía, rigor, gobernabilidade, utilidade e participación, por exemplo, serían outros termos aplicables que axudan a sintetizar con propiedade o que representamos.
Atrévese a facer unha quiniela para as eleccións municipais?
Non, pero estamos seguros de que a nosa aparición acabou por estragar as que había xa feitas.
Parece que non haberá acordo pre-electoral, así que, estaría disposto a pactos post-electorales? Hai algunha liña vermella?
A política basease no diálogo, o respecto e uns principios ou valores fundamentais.
A política debe procurar o ben común.
Esquecer isto é afastarse do seu noble exercicio. É certo que un sempre ten algo de vergoña cando sinala evidencias, pero comprendemos que temos a obriga de rescatar cuestións, expresións e conceptos que parecen obvios pero que se deixaron de lado. E creo que esa honestidade vai ter os seus froitos, permitindo por un lado levar a iniciativa e por outro facilitar a mellora dos discursos alleos máis preguiceiros e electoralistas. A consecuencia de todo isto, unha demanda popular de políticas a un tempo útiles e éticas, vérase consumada despois do 28 de maio. Creo ter contestado á pregunta.
Como valora aos seus opoñentes? Dígame un cualificativo para Miguel Lorenzo, Francisco Jorquera, Inés Rey e Xan Xove.
Os cualificativos persoais en política raras veces axudan a conseguir o entendemento, cando non favorecen directamente a crispación.
O que si podo dicir é que nós artellamos un proceso coral, colectivo, un proxecto que excede todo personalismo, e que, máis aló dunha opinión persoal sobre os candidatos e candidatas ou das posibles diferencias políticas, faremos todo o posible por entendernos con eles, polo ben da veciñanza da cidade.
O diálogo e a negociación son o modus vivendi natural deste ámbito e as razóns polas que a cidadanía nos escolle como os seus representantes.
Entendo que a elección do meu perfil respalda ou vai relacionado con isto e podo dicir que van atopar en nós unha absoluta e constante procura de coherencia.