Ascega Hoy

A fala

                                                                                                                                                      Ilustración, «A Fala».  Poema de Manuel María.
Por Javier Rodríguez-losada. Pai galego
A Coruña, 25 de Noviembre de 2021
AscegaHoy. Opinión

Xa non sei canto tempo levo colaborando con AscegaHoy, e doume conta de que sempre escribín en español.

Digo español,  e non castelán, porque penso que o castelán era unha lingua que se falaba no norte de Castela na Idade Media, que ía incorporando palabras e expresións doutras linguas da península, incluso do galego.

A miña realidade é que aprendín en español , non en galego, xa que de pequeno non coincidía o estudo do galego nos plans educativos vixentes.

O meu achegamento ao galego foi algo “natural”, sen profesores nin exames; Escoitaba galego na rúa, tomando viño nos bares ou na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago.

A suma desta influencia e a lectura dalgúns libros en galego, deu como resultado este nivel de galego que ,desculpen de antemán,  o lector está a sufrir.

A verdade é que me sentín na obriga de escribir en galego, porque creo que a fala forma parte do patrimonio que a herdanza nos deixa.

Non sinto esta obriga como unha carga, senón como unha responsabilidade. Ven ser como a parábola dos talentos; temos un ben, e o noso é aproveitalo  ou desprecialo.

Unha análise estratéxica faime pensar nos nosos mozos á hora de buscar traballo. Imaxino a un catalán, un vasco ou un valenciano que lle gustaría engadir unha lingua,o portugués, ao seu currículo, custaríalles un mundo.

Porén, os mozos galegos que hoxe rematan o bacharelato,  saen do mercado cun nivel recoñecido: o Celga 4, próximo a un gran dominio.

Pregúntome por que non se facilita en institutos e facultades, presentar as probas de certificación de portugués, que, sendo unha lingua diferente, comparte boa parte da súa historia: o galego-portugués, e que, polo tanto, ten grandes semellanzas.

Sinalo o tema do discurso como un dos complexos que temos os galegos, e apunto o mercado lusófono como tema pendente en Galicia.

Pero sexamos claros: depende de nós o que queremos facer e ser.

Dedícolle este artigo ao meu fillo Germán, que sofre a insistencia do seu pai para que aprenda idiomas.

 

scroll to top