Ascega Hoy

”Axudar as PEMES e microempresas é axudar á economía real, da que depende boa parte do emprego existente no noso país”

BNG A CORUÑA

Francisco Jorquera, voceiro do grupo municipal do BNG no Concello da Coruña

A Coruña. Ascega Hoy

«Sen diálogo non hai coñecemento real dos problemas e sen coñecemento real dos problemas é moi difícil acertar nas políticas a aplicar”

Que valoración fai da reunión cos representantes de Ascega?

Como sempre, moi positiva. As conversas con Ascega son sempre francas e directas, non quedan na simple cortesía e atención protocolaria. Creo que ese é o xeito de entenderse e de buscar os espazos de cooperación.

Os voceiros da entidade expuxeron as súa delicada situación. Que propostas aporta o grupo do BNG para poder paliar os efectos presentes e futuros da crise económica derivada da sanitaria?

É difícil resumilas. Formulamos moitas propostas tanto no marco de negociación do PRESCO como no pleno do Concello, dirixidas a dinamizar a economía, incentivando o consumo a través dos bonos PRESCO, e a mellorar as axudas a persoas autónomas e pemes.

Así, no tocante ás axudas propuxemos que a información fose máis áxil e eficaz; se reforzase o servizo de asesoramento e atención a consultas; se simplificase e axilizase a tramitación das axudas e tamén que se flexibilizasen os criterios nas denegacións por impagos á facenda local.

Doutra banda formulamos propostas para revitalizar o tecido comercial da cidade, como crear un bando de locais baleiros co obxecto de ofertalos en aluguer con prezos razoábeis; impulsar usos alternativos nos baixos baleiros como a instalación de microempresas; aplicar planos coordinados de promoción do turismo e do comercio local, a fin de estimular a actividade comercial;  impulsar campañas para incentivar o consumo no comercio e hostelaría local ou crear unha imaxe de marca que contribúa á posta en valor da calidade do noso comercio e gastronomía, entre outras moitas medidas.

Que opina da acción do Goberno local no comercio e na hostelaría? E do Goberno da Xunta?

Somos moi críticos coa lentitude e falla de dilixencia do Goberno Local. Con todo, e grazas á insistencia e o impulso de todos os grupos, o Concello da Coruña foi capaz de poñer en marcha un Plan de Recuperación Económica e Social que, con todas as súas eivas e insuficiencias, comparativamente é moi ambicioso se o comparamos co que fixeron outras administracións. Nese sentido son moi crítico co Goberno central e coa Xunta de Galiza. Cómpre lembrar que as restricións as estableceron estas administracións e a Xunta é a que ten as competencias máis importantes en materia de comercio e hostalaría. Porén, actuou tarde, mal e arrastro á hora de impulsar medidas que axudasen a paliar a situación, indo por detrás dos concellos.

Recuperaranse as pemes da Coruña da crise? Prevé que moitas teñan que pechar na cidade? Como se pode manter a actividade ou incluso impulsar a creación de novas empresas?

Non gosto de ser agoreiro pero témome que aínda non somos conscientes do impacto desta crise en todo o tecido económico. A economía da Coruña e do conxunto de Galiza susténtase sobre todo en PEMES e microempresas. Axudar as PEMES e microempresas é axudar á economía real, da que depende boa parte do emprego existente no noso país.  Por iso, para evitar unha cadea de peches o primeiro que hai que asegurar é que todas as axudas e recursos públicos que se mobilicen para favorecer a recuperación cheguen á economía real. É algo no que o BNG insiste moito cando se fala dos Fondos Next Generation e do resto dos fondos europeos, pois co deseño que están a facer a Xunta e o Goberno Central corremos o risco de que beneficien só as multinacionais e grandes empresas.

O pequeno empresariado quéixase de falta de diálogo coas administracións. É imprescindible o contacto para poder resolver os problemas deste sector?

O diálogo debería estar no ADN de todas as administracións se non queren ser percibidas como alleas ás necesidades e inquedanzas dos cidadáns. Sen diálogo non hai coñecemento real dos problemas e sen coñecemento real dos problemas é moi difícil acertar nas políticas a aplicar. É por iso que desde o BNG temos proposto a constitución dun Consello Económico e Social na cidade que sirva como punto de encontro entre a administración local e os distintos axentes sociais e económicos. É unha proposta que, a pesar de ter sido aceptada polo Goberno Municipal, aínda está pendente de se materializar. En calquera caso, o BNG, como todo colectivo humano ten as súas limitacións e defectos, pero creo que ninguén pode dicir de nós que non escoitamos e non estamos sempre abertos ao diálogo.

scroll to top